CATÁLOGO RAZONADO DE ÓLEOS DE LUÍS SEOANE

A publicación do catálogo razoado da obra plástica será a maior homenaxe prestada a Luís Seoane desde o punto de vista histórico-científico. Para chegar a súa publicación é polo que se fai esta páxina web e así poder obter máis información.

A realización deste traballo consiste na historia completa de óleos, así coma dos esbozos e debuxos realizados polo pintor das súas pinturas a través dos anos que abarcan os seus traballos desde 1943, cando inicia o seu camiño como pintor ata 1979, ano da súa morte.

Para isto é de gran importancia reunir unha documentación rigurosa e completa que se pode conseguir coa colaboración atenta e activa de coleccionistas, museos, e institucións públicas e privadas.

É preciso investigar na prensa do momento no que se realizaban exposicións do artista, en catálogos, revistas, libros, reseñas, e nos arquivos fotográficos para poder contrastar os óleos que vaian aportando os seus propietarios.

Este proxecto xurde das conversas con Maruja Seoane en 1987 na sua casa de Buenos Aires. Desde febreiro de 1996 teño a autorización por escrito de Dª María Elvira Fernández, viúva de Luís Seoane, posto que para realizar o catálogo razoado dun artista é imprescindible o permiso, ou ben do artista ou ben do seu herdeiro, sendo neste caso a súa viúva. Dita autorización consta tamén no testamento de DªMaría Elvira Fernández López.

O obxectivo da realización e posterior publicación deste catálogo razoado ademáis de servir como unha homenaxe máis que merecida ao artista, serve para que toda a súa obra plástica estea reunida nunha publicación e así se poda entender toda a súa evolución e coñecer en profundidade o traballo realizado por Luís Seoane no mundo da Pintura e da Arte.

Esta publicación dará a coñecer, non só en Galicia senón en calquera país do mundo, a un artista que por dereito propio está ao lado dos grandes nomes da Arte universal, porque é un deles.


Rosa Espiñeira Pan
Estudosa coñecedora de Luís Seoane
Albacea testamenteira de Maruja Seoane