B  I  O  G  R  A  F  Í  A

1910

Luis Seoane nace e vive ata os seis anos en Bos Aires, fillo de emigrantes galegos.

1916

Vai a escola primaria na Coruña.

1920

Ingresa no Instituto de Segunda Ensinanza de Santiago de Compostela. Na estación de Conxo, en Santiago ve e sente por primeira vez o barro pegado no seu zapato, a partir dese barro comezan os seus recordos da infancia. Veráns en Arca.

1929-1932

Estuda e licénciase en Dereito e Ciencias Sociais pola Universidade de Santiago. Nesta cidade realiza as súas primeiras exposicións, unha delas de acuarelas no Café Español. Conferenciante no Centro Republicano de Santiago: “Humorismo en la sociedad moderna: Bagaría, “Shum” onde fai unha crítica dos gobernos que se mofan da xustiza e son inclementes con aqueles que pensan demasiado. Colabora nas revistas Guión e Yunque de Lugo, dirixidas por Ánxel Fole. Deseña carteis políticos polo procedemento do estarcido. Intervén de forma activa nos movementos estudiantís e políticos republicanos.

1933-1936

Codirixe Claridad, semanario autonomista galego de esquerdas. Asina o documento conmemorativo do Pacto de Lestrove. Alterna debuxo, ilustración e pintura co exercicio da súa profesión, fundando na Coruña o primeiro Estudo Xurídico Colectivo de Galicia. En Ser o 8 de setembro do 35 publica o artigo “En la muerte de Henri Barbusse”. Ilustra libros de escritores da súa xeración, Rolán, Cunqueiro, entre otros; completa un álbum de debuxos, influído sobre todo polo dadaísmo berlinés, que titula Síntesis del crimen, cuxos orixinais se destrúen no asalto á imprenta e editorial Nós. Destino Bos Aires vía Lisboa.

1937-1940

Maruja reúnese con el e casan no Hotel de Inmigrantes, no porto de Bos Aires. Publica Trece estampas de la traición, libro de debuxos satíricos e Sous la botte de Franco, conxunto de artigos críticos. Colabora coa editorial Losada ilustrando libros de Kaiser, Huxley, Sartre. En Emecé editores inicia as coleccións “Hórreo” e “Dorna”.

1941-1945

Publica o álbum de litografías Muiñeira cun poema de Rafael Dieste. A súa actividade artística céntrase no debuxo e no gravado cunha posición estética naturalista unida á evocación nostálxica de Galicia. Con Lorenzo Varela e Arturo Cuadrado crea Correo Literario do que saíron corenta números, colaborando escritores que máis tarde van ser recoñecidos mundialmente. Publica a monografía Jules Pascin na editorial Poseidón. O Instituto de Artes Gráficas de New York e a Pierpont Morgan Library seleccionan Homenaje a la torre de Hércules, como un dos dez mellores libros de debuxos do mundo publicados entre 1935 e 1945. Pinturas ao óleo.

1946-1950

Expón óleos, gouaches e acuarelas en Amigos del Arte en Montevideo e acuarelas na Galería Viau, comezando as súas exposicións anuais con esta galería. Nace Ediciones Botella al Mar, de onde saen libros como Anfión de Paul Valery; El perro andaluz, de Buñuel; La voz humana, de Jean Cocteau. Segue realizando tapas e ilustracións de libros. Vai xurdindo o pintor, ainda que ao principio malviva das súas exposicións. Pinta A costa de Circe. Viaxa a Londres onde acude ao Congreso internacional das Artes, pinta acuarelas. En París asiste ao Congreso pola Paz e coñece a Paul Robeson, quen canta en dito Congreso cancións da guerra de España, e visita a Picasso no seu taller. Seoane, motivos del mar, óleos na Sociedad Hebraica Argentina, Bos Aires.

1951-1955

Pinta paisaxes arxentinas e temas urbanos. Realiza os primeiros carteis abstractos en Buenos Aires para Cinzano e Otard Dupuy. El libro de Ruth: mural de lousa e gres. De Botella al Mar sae o seu Libro de tapas. Ilustra Lonxe, poemas de Lorenzo Varela. Los músicos, mural abovedado nunha galería comercial. Publica Campesinos, serigrafías con temas galegos e cun poema de Rafael Alberti. Artífice da revista e audición radiofónica Galicia Emigrante. Monografía sobre J. Pérez Villaamil. No 54 inicia as súas exposicións anuais coa Galería Bonino de Bos Aires. É autor do mural Nacimiento del teatro argentino, no Teatro Municipal General San Martín, de Bos Aires

1956-1960

Expón en Nova York. Publica Na brétema Sant-Iago, poemas ilustrados con gravados en metal. En Ediciones Bonino aparece o seu Segundo libro de tapas. Na Exposición Universal de Bruxelas recibe a medalla de prata. Publica Maside grabador con motivo da exposición de Carlos Maside no Centro Lucense. Ediciones Losange edita a súa obra de teatro El irlandés astrólogo. Pinta Figura sentada. Durante unha viaxe a Italia en Xénova, Nervi e Turín estuda a obra de Serafín Avendaño, pintor galego de finais do século XIX. En Basilea realiza témperas estarcidas. Pasan brevemente por Galicia.

1961-1964

Pinta Homenaje a Picasso. Publica Acerca de la integración de las Artes. Pola súa obra pictórica recibe o Premio Palanza, o máis importante de Arxentina. Pasa unha temporada en Xenebra e pinta acuarelas con temas alpinos, e óleos. Contrato coa Galería Engelberg para a representación dos seus gravados. Estancia en Galicia e Madrid, onde pinta óleos e acuarelas. Exposición na Sala da Dirección Xeral de Belas Artes en Madrid. Pinta El chal negro. Na revista do departamento de letras da Universidade de La Plata escribe El padre Feijóo y las artes visuales. Publica Homenaje a Venecia, carpeta de gravados.

1965-1967

Ensaios sobre Piero della Francesca, Grünewald, El Bosco, Klee, Corot, Bonnard, Zurbarán para a Pinacoteca de los Genios. Ediciones Galería Bonino adícalle unha monografía con escritos de Mujica Láinez, Lorenzo Varela e Whitelow. Na Galería Van Riel de Bos Aires participa na exposición Homenaje al Viet-Nam de los artistas plásticos. Invitado a tomar parte na V Bienal Internacional de Gravado de Toquio. Viaxa, sempre en compañía de Maruja, por México, Estados Unidos, Holanda, Alemaña, Italia, Francia. Renuncia a unha exposición circulante polos Estados Unidos organizada polas relacións culturais arxentinas. Galicia, Madrid, pinta acuarelas. Comezaría as súas viaxes periódicas a Galicia en anos alternos, traballando por igual en ambas as dúas ourelas do atlántico. Exposicións en Madrid, Bonn, Münster, Köln. Pinta Emigrante esperando. Grava Julio Cortázar

1968-1973

Expón no Museo de Bonn. Exposición retrospectiva (1948-1968) en Art Gallery International de Buenos Aires. Pinta, grava, escribe. Castelao artista, monografía publicada en editorial Alborada de Bos Aires. Traballa a documentación, figurinos e decorados de Castelao e a súa época para representar en Coimbra. Inicia os fondos do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside co depósito dunha colección da súa propiedade: óleos de Maside, Colmeiro, Souto, Torres, gravados seus e doutros artistas, debuxos, libros, folletos. Pinta El proceso de Burgos. Retrospectiva de gravados no Museo de Arte Moderno de Buenos Aires. Realiza a peza Wobrom: relación arte-industria. Publica Comunicacións mesturadas, selección persoal de notas da audición Galicia Emigrante. Escribe o prólogo para a exposición de debuxos e acuarelas de Maside. Exposicións en Madrid e Lugo.

1974-1979

Publica Arte mural. La ilustración en editorial Sudamericana, de Bos Aires. Participa na exposición Art in the Argentine, Galería Wildenstein de Londres. Exposición de óleos e acuarelas en Víctor Najmías Art Gallery International de Bos Aires. Proxectan unha viaxe a Thailandia invitados polo seu amigo Tomás Alva Negri. A súa adhesión a todas as causas universais que defenden parecida fe á súa, valéulle as consabidas postergacións por parte de quen non participa deses mesmos ideais. Publica Bestiario, álbum con gravados en madeira e poemas de Alberto Girri. Prólogo para Dibuxos de guerra, de Arturo Souto. Imágenes de Galicia, libro de gravados en madeira. En Galicia traballa nunha mostra de tapices. Na súa casa da Coruña pinta ao pastel e realiza un número importante de acuarelas. Prepara o libro Homaxes de Lorenzo Varela. O ano seguinte proxectaba regresar a Bos Aires onde recibiría a grande homenaxe que a nación arxentina lle ía render con motivo do seu 70 aniversario, cunha exposición antolóxica da que Seoane faría a selección das obras, despois disto pensaba quedar en Galicia e iniciar unha nova vida, máis morre o 5 de abril na Coruña.